CASA DE ROSALÍA
Audio 6
Audio 3
Audio 5
BENVIDA
A Casa de Rosalía abriuse ao público en 1971, e xa musealizada en 1972. Neste espazo proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía e da súa familia.
Ela nunca tivo casa de seu
Rosalía viviu en moitos lugares diferentes, sempre de alugueiro ou de prestado, pero ao pasar aquí os derradeiros anos da súa vida, os ollos de galegos e galegas sinalaron esta como a súa Casa.
Unha casa de todos
A Casa da Matanza foi convertida en museo grazas á iniciativa popular que promoveu o Patronato e que acadou milleiros de apoios no país e na emigración.Máis información, [aquí](https://rosalia.gal/a-casa/a-casa-museo/).
"Quen casa ten de seu, ten media vida"
Sobre este verso de Rosalía tirado de Follas novas, móstranse a cédula de identidade da autora; unha peza de Cerámica Celta que reproduce a casa; e a foto de toda a familia realizada na horta.
De portas abertas
A Casa ábrese ao público en 1971 e xa como Casa-Museo en 1972. Maruxa Villanueva, a actriz e cantora que retorna da emigración, é quen coida a casa e atende o público ata o seu falecemento en 1998.Máis información, [https://rosalia.gal/a-casa/a-casa-museo/maruxa-villanueva/](http://aquí)
Quen é Rosalía?
Desde o seu retrato ao óleo por Modesto Brocos -o único pintado en vida de Rosalía-, a autora óllanos seria, segura, serena. O pintor retrata unha amiga, unha intelectual que en 1880 é xa unha escritora recoñecida.
Unha muller intelectual galega
Velaquí unha intelectual crítica, sempre do lado dos máis febles e que denuncia o sometemento feminino. Como escritora é profundamente renovadora e como galega móstrase orgullosa do seu país.
As casas de Rosalía
Móstranse aquí varias fotografías dalgunhas casas vinculadas con Rosalía, como a da Arretén, o antigo pazo da familia materna; ou a casa do Castro de Ortoño, onde naceu seu pai; entre outras.
Os amigos de Rosalía
Aquí móstranse varias imaxes de amigos e familiares de Rosalía e Murguía, como Alejandro Chao, un dos seus editores; José Hermida de Castro, curmán; Camilo Álvarez de Castro; Benito Vicetto; Serafín Avendaño, Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre. Máis información, [aquí](https://rosalia.gal/a-casa/patrimonio/patrimonio-cultural/cadro-de-serafin-avendanho/)
A media vida de Rosalía de Castro
Rosalía nace en Santiago de Compostela en 1837, filla da fidalga padronesa Teresa de Castro e do sacerdote José Viojo, aveciñado na mesma vila de Padrón.Máis información, [aquí](http://+info: https://rosalia.gal/rosalia/a-poeta-nacional/)
Cantares gallegos
Publicado en 1863, é o primeiro libro integramente en galego que marca o inicio do Rexurdimento. Asociado á lírica e á cultura popular, Rosalía desenvolve toda unha defensa da dignidade de Galicia.
Follas Novas
Obra monumental, de poderosa envergadura lírica, que certifica o proxecto de recuperación literaria da lingua galega. Mantén certa dimensión popular pero tece fíos realistas, románticos e simbolistas.
Unha escrita incesante
En 28 anos de vida literaria Rosalía publicou cinco poemarios. A súa derradeira obra é En las orillas del Sar, onde a voz poética é máis ca nunca a voz da autora. Escrito en castelán, non deixa de ter a Galicia como protagonista.
A “Alborada” de Rosalía
Case ao remate de Cantares gallegos, Rosalía sitúa o poema “Alborada”, unha letra de forte contido simbólico composta para a peza que tocaba Gregorio Eiras, gaiteiro de Lestrobe. Abaixo podes ouvir a gravación de principios do XX.
Un achado extraordinario
Este exemplar, achado en 2013, contén unha fotografía descoñecida de escritora, un texto autógrafo de Rosalía e a transcrición da carta de agradecemento de Fernán Caballero.Máis información, [aquí](https://youtu.be/UjL_JqHGqvU).
A prosa de Rosalía
A prosa de Rosalía é voluminosa e diversa, móvese na periferia dos modelos literarios vixentes e dialoga cun bo abano de escritores e escritoras do seu tempo.
“Negra sombra”, a peza máis popular da música galega
Rosalía é a autora máis musicada da literatura galega, pero de entre os símbolos creados nas súas páxinas érguese o da “Negra Sombra” como unha verdadeira referencia lírica de Galicia.
O discurso da galeguidade
O pobo galego como suxeito político e Galicia como nación é a síntese do esforzo intelectual de Manuel Murguía para crear o discurso da galeguidade, concretado xa en 1865, no “Discurso preliminar” da súa Historia de Galicia. Pero en 1890 cómpre pasar á acción e o intelectual funda o primeiro partido político galego, a Asociación Regionalista Gallega; no ano seguinte, en vilas e cidades xorden os primeiros comités e os rexionalistas fan de Murguía o seu presidente de honra.Aquí podemos ver un retrato de Murguía realizado por Ricardo Camino en 1923, a constitución de varios comités localis da Asocición Regionalista Gallega en 1891 e a bandeira galega na cinta funeraria do galeguista, alén dun busto.
Emparrado frontal
Esta parra era lugar de descanso para a familia de Rosalía e fonte de inspiración literaria. Aquí podemos evocar aqueles versos de “Ouh, miña parra de albariñas uvas / que a túa sombra me dás”. Máis información, [aquí](https://rosalia.gal/a-casa/patrimonio/patrimonio-botanico/emparrado-do-ceador/)
Carballo de Guernika
Esta é unha nova filla da Árbore de Gernika, que foi plantada en 2019 logo de que morrera a que trouxera Avelino Pousa Antelo en 1994. É un agasallo das Juntas Generales de Bizkaia. Máis información, [aquí](https://rosalia.gal/a-casa/patrimonio/patrimonio-botanico/o-novo-gernikako-arbola/)
Audio 1 (Benvida)
Audio 2
Audio 4
Audio 7
Audio 8
Audio 9
Audio 10
Retrato de Rosalía (Modesto Brocos)
Colabora
Podes colaborar coa Casa de Rosalía de distintas formas: facéndote voluntario/a, amigo/a da Casa, protector/a ou mecenas. Podes obter máis información, [aquí](https://rosalia.gal/colabora/razons-para-colaborar/).Tamén podes mercar libros, música e obxectos relacionados coa vida e obra de Rosalía, na nosa [tenda virtual](https://tenda.rosalia.gal/).
Camelia Rosalía de Castro
Esta camelia híbrida (e árbore memorable) foi creada pola casa portuense Moreira da Silva. O primeiro exemplar obtido foi bautizado co nome da autora e agasallado á Casa-Museo.Máis información, [aquí](https://rosalia.gal/a-casa/patrimonio/patrimonio-botanico/camelia-hibrida-rosalia-de-castro/).
Figueira da Casa de Rosalía
Árbore monumental e senlleira dos tempos de Rosalía. É un dos rexistros florísticos máis prezados de Galicia, que leva resistindo as inclemencias do tempo e a escasa lonxevidade da súa especie.Máis información, [aquí](https://rosalia.gal/a-casa/patrimonio/patrimonio-botanico/figueira-da-casa-de-rosalia/).
Ombú da Casa de Rosalía
Árbore maxestuosa que forma parte dunha colección de árbores americanos, procedentes de Bos Aires como doazón da Casa de Galicia en 1971 con motivo da inauguración da Casa-Museo.Máis información, [aquí](https://rosalia.gal/a-casa/patrimonio/patrimonio-botanico/ombu-da-casa-de-rosalia/)



