BIBLIOTECA AMÉRICA. USC.

JOSÉ RIZAL

Médico, escritor, pintor, lingüista e político, considerado heroe nacional de Filipinas. Pouco despois de comezar a revolución de independencia contra España en 1896, foi executado polo goberno colonial como inspirador da mesma.

FRUCTUOSO RIVERA

Militar independentista do actual Uruguai, político e primeiro presidente do país logo da promulgación da Constitución de 1830. Liderou ao sector político colorado nas guerras civís das seguintes dúas décadas ate a súa derrota na Guerra Grande.

JOSÉ ENRIQUE RODÓ

Escritor, xornalista e político uruguaio, autor de Ariel, o ensaio máis significativo da súa xeración en América Latina, e do que se deriva o arielismo, corrente ideolóxica que representa o malestar fin secular hispanoamericano.

FRANCISCO SANTA CRUZ Y ESPEJO

Médico, xurista, escritor, xornalista e un dos principais precursores da independencia en Ecuador. Polígrafo de variada produción, foi clave na difusión de ideas ilustradas e patrióticas, o que lle custou a vida encarcerado polas autoridades coloniais.

JOSÉ ARTIGAS

Militar pratense, líder independentista das Provincias Unidas do Río da Prata, e defensor do federalismo. Foi nomeado “Xefe dos Orientais”, “Protector dos Pobos Libres” e prócer da República do Uruguai.  

FRANCISCO DE MIRANDA

Político, diplomático, escritor e militar, é un dos principais precursores da Independencia latinoamericana e foi nomeado prócer da Independencia de Venezuela.  

MANUEL ARTIGAS

Militar durante a guerra de independencia do Río da Prata e primo do caudillo oriental José Gervasio Artigas. Foi un dos iniciadores da Revolución de Maio en 1810 e o primeiro oficial do exército independentista pratense que morreu en combate.  

JOSÉ DE SAN MARTÍN

Militar, político e liberador pratense. É un dos grandes heroes da guerra de independencia xunto con Simón Bolívar. Encabezou o Exército dos Andes que liberou Chile, e cedeu logo as súas tropas a Bolívar para concluír a independencia de Perú.

NICOLÁS AVELLANEDA

Estadista, avogado, mestre e xornalista. Foi presidente da República de Arxentina entre 1874 e 1880, tras ocupar varios ministerios. Acabou a súa carreira como senador por Tucumán e reitor da Universidad Nacional.  

JOSÉ MARTÍ

Político, ensaísta, xornalista e revolucionario independentista cubano. Fundador do Partido Revolucionario Cubano, impulsou a guerra de independencia no 1895. O seu ideario antiimperialista, democrático, antirracista e anticlasista perdura na actualidade.  

ANDRÉS BELLO

Venezolano de nacemento, nacionalizado chileno, foi un dos principais humanistas latinoamericanos do século XIX. Foi poeta, filólogo, ensaísta, político, diplomático, reitor da primeira universidade chilena e redactor do primeiro Código Civil latinoamericano (Chile).  

MARIANO MORENO

Avogado, político e xornalista bonaerense, influenciado polos ilustrados franceses. Foi impulsor e principal dirixente político e militar da Revolución de Maio (1810), de cuxa Xunta foi secretario.  

BERNARDINO RIBADAVIA

Político pratense, participante da Revolución de Maio de 1810, ministro clave do Primeiro Triunvirato despois da revolución, e primeiro presidente das Provincias Unidas do Río da Prata (1826-1827).  

JUAN ZORRILLA DE SAN MARTÍN

Escritor, xornalista, maxistrado, político, mestre e diplomático uruguaio, foi un dos principais intelectuais da súa época. No literario, foi o principal expoñente da poesía romántica uruguaia.

MANUEL ORIBE

Político e militar independentista pratense. Loitou con Artigas e foi un dos xefes dos Trinta e Tres orientais que proclamaron a independencia no 1825. Gobernou entre 1830 e 1834, e foi o líder branco na disputa cos colorados ata a súa derrota en 1851.  

BARTOLOMÉ MITRE

Político, militar, escritor e historiador. Foi presidente de Arxentina entre 1862 e 1868, fundador do influínte diario La Nación, e autor de numerosas obras literarias e históricas.  

BERNARDO O'HIGGINS

Político, militar e líder independentista. Dende 1813 foi xeneral en xefe do exército liberador chileno, e dende a vitoria de Chacabuco, director supremo, liderando a decisiva batalla de Maipú no 1818. Rematou os seus días exiliado en Perú.

ANTONIO JOSÉ DE SUCRE

Político, diplomático, estadista, militar do exército patriota de Venezuela, prócer da emancipación e principal heroe da República do Ecuador. Participou nas batallas decisivas de Junín e Ayacucho, e na creación de Bolivia, da que foi o primeiro presidente.

SIMÓN BOLÍVAR

Heroe das independencias de América Latina, “Libertador” dos seus pobos, vencedor nas principais batallas (Boyacá, Carabobo, Pichincha, Junín), político e principal ideólogo do pensamento e identidade da emancipación latinoamericana.  

JOSÉ MARÍA MORELOS

Sacerdote, militar e líder da independencia mexicana entre 1811 e 1815, foi fusilado durante o conflito. Organizou o primeiro corpo lexislativo mexicano do que saíu a primeira Constitución do país. Un dos estados da República leva o seu nome.

 

Tapiz inspirado en motivos de arte inca,  feito por  indíxenas de  Arxentina. Adquirido  neste país a través  dunha  subscrición popular realizada  pola Comisión Protectora dá Biblioteca América de Montevideo,  foi enviado a Santiago en abril de 1927.

ÁLBUM URUGUAI

Álbum doado pola Comisión Pro-Acercamento Intelectual Iberoamericano. Cuberta en pel de lobo con gravado en prata deseñado por Lanau. En portada, acuarela de Purcalla Grau e manuscrito de Zorrilla de San Martín. Contén contribucións de artistas e intelectuais uruguaios e de españois residentes no Uruguai.

ÁLBUM DE ECUADOR

Álbum dedicado e enviado á Biblioteca nos anos trinta. Cuberta co escudo nacional en ouro sobre placa de prata cun texto de Alejandro Andrade Coello. Contén contribucións de diversos intelectuais e biografías de personaxes ilustres ecuatorianas.

PLACA DE PRATA ARXENTINA

Executada en prata e sufragada pola Comisión de Damas arxentinas, presidida por Rosaura Díaz de Leyro. No 1921, a Comisión Protectora de Bos Aires solicitou ao Embaixador de España, Marqués de Amposta, o permiso para reproducir no letreiro o escudo español.

Chaqueta elaborada con casca de árbore por indios bolivianos. Obxecto procedente do legado do catedrático compostelán José Casares Gil, composto por pezas obtidas nas súas viaxes por América entre 1924 e 1925.

VÍTOR A GUMERSINDO BUSTO

Homenaxe da Universidade de Santiago de Compostela a Gumersindo Busto despois do seu falecemento en Bos Aires no 1937, pola súa obra a favor da institución compostelá.

Arcos, lanzas e frechas de pobos indíxenas do Chaco arxentino e dos onas da Terra do Fogo, doadas por colaboradores arxentinos da Biblioteca América no primeiro terzo do século XX.

ANAQUELERÍA BARROCA

Libraría barroca procedente de San Martiño Pinario reconstruída e restaurada antes do 1926 para aloxar os fondos bibliográficos da Biblioteca América.

BANDEIRA DE URUGUAI

A hasta da bandeira uruguaia, cicelada en prata polo xoieiro E. Nuccio, foi custeada pola Comisión Pro-Acercamento Intelectual Iberoamericano.  

BANDEIRA DE ARXENTINA

O mastro do emblema arxentino, en prata e ouro, obra do ourive compostelán, Cándido F. Lema, residente en Bos Aires, foi doado pola Comisión de Damas.